Un bo amigo pon no meu coñecemento a aparición dunha nova entrega da interesante revista Atenea, voceiro do histórico Ateneo Ferrolán que chega con este ao número 42 dos publicados na súa xa longa andaina, comezada por volta de 1999, o que converte esta cabeceira trimestral nunha das máis solidamente asentadas no actual panorama literario galego.
Nesta ocasión Atenea dedica as súas páxinas monograficamente ao mundo da poesía visual, eido que, malia todo, non gozou nunca de excesivo cultivo entre nós, o que fai esta entrega aínda máis valiosa.
O discurso icónico-textual que desenvolven os diversos creadores que participan da iniciativa dá boa idea do pulo e a calidade que este tipo de creación vai alcanzando nos últimos tempos. Técnicas variadas (dende o collage ata a fotografía con inserción textual, dende o caligrama ata a instantánea de instalacións, entre moitas outras), conceptualizacións diverxentes (visopoesía intervencionista, evocadora, paródica…) fan desta antoloxía de traballos un máis que interesante mosaico de propostas dun amplo abano de artistas galegos e foráneos, pois amais de visopoetas da Terra participan no monográfico autores dos Països Catalans e a capital do Estado.
Velaquí a nómina completa: Agustín Calvo Galán, Alfonso Rodríguez, Ana González Moro, Ángels Jornet Sagués, Artemio Lándoas, Baldo Ramos, Bartolomé Ferrando, Corporación Semiótica, Cristina Ferreiro, Jesús García Eiroá, Jorge Chamorro, José Francisco Varela Rial, Eliso, Marisol Gándara, Miguel Ángel Alonso Diz, Paulo Pardo Carrera, Rosanegra e Sergi Quiñonero.
Dinamitando fronteiras, implementando a comunicación da poesía discursiva e abríndose á experimentación, os colaboradores deste novo número de Atenea conseguiron unha suxestiva entrega que os amigos do Ateneo Ferrolán quixeron democratizar poñéndoa ao alcance de todos na Rede. Aqueles aos que vos proa a curiosidade, sabede que podedes saciala aquí.