Descubro o verso amable de Miguel Ángel Alonso Diz e as coloristas ilustracións de Luz Beloso a través do álbum O cullarapo Croque, delicado volume para lectores noviños que ve luz da man do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, selo que o incorpora á moi interesante colección Q de Vian Cadernos.
O libro de Alonso Diz e Beloso, cordialmente prologado por Xosé Neira Vilas, envólvenos nun mundo de tenros animaliños (paxaros, gatos, xoaniñas…) onde os elementos da natureza (o sol, a lúa, as augas, as fragas) son o escenario propicio para a irrupción de sereas, barquiños viaxeiros e, xaora, cullarapos faladores, pois é un gracioso cágado a voz guiadora das aventuras que aquí se cantan.
Na lembranza do pioneiro Manuel María dos soños engaiolados e de tantos outros mestres actuais (dende Fina Casalderrey ata Antón García Teijeiro, pasando polos máis recentes Elvira Riveiro Tobío ou Fran Alonso, sen esquecer tampouco os Antón Cortizas, Antonio Reigosa, Miro Villar e un longo e espléndido etcétera), os poemas de Alonso Diz cobran vida plena da man dos debuxos de Beloso, rebordantes de luminosidade, vizosísimos na paleta, sutís e evocadores nos trazos que acompañan unha tipografía abondosa en cores, ideada para o conveniente fascinio de pequenas e pequenos que se verán mergullados nun microcosmos de versos musicais e suxestivas imaxes.
Se tedes que facer un galano este tempos a unha rapaciña ou rapaciño de entre os catro ou cinco e os sete ou oito anos, O cullarapo Croque será unha magnífica elección, a ledicia de vivir e a ollada agradecida que sobre todos os seres deitan Alonso Diz e Beloso aseguran unha positiva lectura para os que comezan a gozar da mesma e, tamén si, para aqueloutros que hai tempo que a temos como inseparable compañeira.